jueves, 3 de diciembre de 2009

TEXTOS

Guerra de Independencia

Os seguintes documentos deben permitirche a realización dunha composición sobre o período histórico comprendido
entre 1808 e 1814, no que se desenvolve a chamada Guerra da Independencia. Comezada coa sublevación popular
do 2 de maio, á que se refire o Doc.1, as Xuntas que se constituirán en diferentes ámbitos territoriais (Doc.2) tratarán
de coordinar unha resistencia contra os franceses que adopta con frecuencia a forma de guerrillas e na que conflúen
intereses e obxectivos diversos (Doc.3). Paralelamente á guerra desenvólvese unha revolución política que tenta
asentar o liberalismo e que ten a súa mellor plasmación na obra das Cortes de Cádiz (Doc.4). Lembra que non se
trata de elaborar un tema á marxe das fontes propostas, polo que debes referirte aos seus contidos ao longo da túa
redacción.

Doc. 1.-Orde do mariscal Murat (2 de maio de 1808):
“Soldados: a poboación de Madrid sublevouse, e chegou ata o asasinato (...). O sangue francés foi
vertido; reclama vinganza. Na súa consecuencia mando o seguinte (...):
Art.2. Todos os que foron presos no disturbio e coas armas na man serán arcabuceados (...).
Art.5. Toda xuntanza de máis de oito persoas será considerada coma unha xunta sediciosa (...)
Art.7. Os autores, vendedores ou distribuidores de libelos impresos ou manuscritos provocando a
sedición serán considerados coma uns axentes da Inglaterra e arcabuceados”.

Doc. 2.-Proclama da Xunta Central do Principado de Asturias (maio de 1808):
“Asturianos leais e amados compatriotas (...). O Principado, en desempeño daqueles deberes que máis
interesan ao home, xa declarou formalmente a guerra a Francia (...). A súa perfidia co noso rei e toda a súa
familia, enganándoo para facelo pasar a Francia baixo palabra dun eterno armisticio para encadealos a
todos, non ten igual na historia (...). ¡Á arma, á arma, asturianos!”.

Doc. 3.-O militar e político liberal Evaristo San Miguel expón neste escrito (1836) os diversos proxectos
dos combatentes contra os franceses:
“De todos os xeitos non é menos certo que a invasión dos franceses foi o principio das nosas diferenzas
internas e a guerra da independencia unha especie de guerra civil ao mesmo tempo.
Aos nobres, a dinastía estranxeira éralles odiosa menos polo nova que polos indicios que daba de
reformadora. Do lexislador dun pobo onde todo estaba nivelado pola lei da igualdade debía desconfiar
moito o privilexio das clases exclusivas. O berro de guerra na súa boca foi a oposición ao espírito innovador
que os ameazaba (...).
Os ilustrados eran un número considerable e non podían ter, no seu pronunciamento contra o emperador,
só a mira de volver ao Estado anterior. Non era posible (...) que gustasen de volver ao antigo despotismo os
que o consideraban como unha das causas dos males que os aflixían. O berro de guerra dirixido contra os
franceses tiña tamén por branco os excesos, as desordes que afearan as administracións anteriores”.

Doc. 4.-Constitución de 1812:
“Art. 1. A nación española é a reunión de todos os españois de ámbolos dous hemisferios (...).
Art. 3. A soberanía reside esencialmente na nación e polo mesmo pertence a esta exclusivamente o
dereito de establecer as súas leis fundamentais (...).
Art. 14. O goberno da nación española é a monarquía moderada hereditaria.
Art. 15. A potestade de facer leis reside nas Cortes co rei.
Art. 16. A potestade de facer executar as leis reside no rei.
Art. 17. A potestade de aplicar as leis en causas civís e criminais reside nos tribunais”.


Instauración e institucionalización do réxime
franquista


Os seguintes documentos serven de base para realizar unha composición sobre a instauración e institucionalización do réxime
franquista. Comezada durante a guerra civil marcando as diferenzas coa democracia (Doc.1), nos seguintes anos diferentes
textos legais van conformando o réxime: a implantación do sindicalismo vertical (Doc.2), a creación dun seudoparlamento
á medida (Doc.3) ou a codificación de dereitos e deberes dos españois (Doc.4) son exemplos representativos. Por último, no
Doc.5 amósanse algúns dos instrumentos e apoios que serviron ao franquismo na súa consolidación.

Doc.1.-Discurso de Francisco Franco (18 de xullo de 1938), en conmemoración do Alzamiento Nacional:
“Correspóndenos a paladinaxe dunha fe, unha civilización e unha cultura gravemente ameazadas polos principios
roxo-comunistas (...).
Á irresponsabilidade política dos partidos liberais, sucede a unidade da nosa Cruzada, organicamente constituída; a
un Estado neutro e sen ideais, substitúeo o misional e totalitario, que orienta o pobo sinalándolle o camiño (...).
Hai que soldar ao pobo, dividido polos partidos, hai que unir medio século de separacións; hai que borrar os
prexuízos da loita de clases; (...) hai que elevar os principios do Movimiento”.

Doc.2.-Lei sobre unidade sindical (31 de xaneiro de 1940):
“Tres son os principios que inspiran a Organización Nacional-Sindicalista prevista polo Fuero del Trabajo, reflexo
fiel da organización política do Novo Estado, a saber: Unidade, Totalidade e Xerarquía. Haberá, pois, segundo
precepto do Fuero, unha soa orde de sindicatos, nos cales serán encadrados todos os factores da economía por
ramas da produción ou servizos.
Artigo primeiro.-A Organización Sindical de F.E.T. y de las J.O.N.S. é a única recoñecida con personalidade
suficiente polo Estado, quen non admitirá a existencia de ningunha outra con fins análogos ou similares”.

Doc.3.-Lei de creación das Cortes Españolas (17 de xullo de 1942):
“Continuando na Xefatura do Estado a suprema potestade de ditar normas xurídicas (...), o órgano que se crea
significará, á vez que un eficaz instrumento de colaboración naquela función, principio de autolimitación para
unha institución máis sistemática do poder (...).
Art. 1.-As Cortes son o órgano superior de participación do pobo español nas tarefas do Estado. É misión principal
das Cortes a preparación e elaboración das leis, sen prexuízo da sanción que corresponde ao Xefe do Estado.
Art. 2.-As Cortes compóñense de Procuradores natos e electivos, a saber: a)Os ministros. b)Os conselleiros
nacionais de F.E.T. y de las J.O.N.S. c)O Presidente do Consello do Estado (...). d)Os representantes dos Sindicatos
Nacionais. e)Os Alcaldes das cincuenta capitais de provincia (...). f)Os Reitores das Universidades (...). i)Aquelas
persoas que pola súa xerarquía eclesiástica, militar, administrativa ou social, ou polos seus relevantes servizos a
España, designe o Xefe do Estado, en número non superior a cincuenta”.

Doc.4.-Fuero de los Españoles (17 de xullo de 1945):
“Art. 1.-O Estado español proclama como principio reitor dos seus actos o respecto á dignidade, a integridade e a
liberdade da persoa humana, recoñecendo o home, en canto portador de valores eternos e membro da comunidade
nacional, titular de deberes e dereitos (...).
Art. 2.-Os españois deben servizo fiel á Patria, lealdade ao Xefe do Estado e obediencia ás leis (...).
Art. 6.-A profesión e práctica da relixión católica, que é a do Estado español, gozará da protección oficial.
Ninguén será molestado polas súas crenzas relixiosas nin o exercicio privado do seu culto. Non se permitirán
outras cerimonias nin manifestacións externas que as da relixión católica (...).
Art. 10.-Todos os españois teñen dereito a participar nas funcións públicas de carácter representativo, a través
da familia, o municipio e o sindicato (...).
Art. 12.-Todo español poderá expresar libremente as súas ideas mentres non atenten contra os principios
fundamentais do Estado”.

Doc.5.-Dionisio Ridruejo, ex-falanxista posteriormente represaliado polo réxime, exprésase así na súa obra
Escrito en España (1962):
“Os grupos económicos atribuíanse con todo acougo o seu lote de soberanía. A Igrexa tomaría o seu. O Exército
–aínda que oficialmente incluído, home a home, no Partido único- absorbería a súa porción, exercendo o control
dos instrumentos executivos, e ficaría constituído en forza básica e arbitral. O Partido único proporcionaría o
persoal político por xunto e representaría docilmente o papel de pobo na función (...). Pola súa banda, o poder
persoal, establecido como clave de arco (...), esponxaríase nunha camarilla recrutada entre os máis fieis (...).
En rigor, a guerra non producira poderes novos. Máis ben repuxera no seu sitio, libres de coidados, aos poderes
antigos, destruíndo aqueles outros que os ameazaban”.


Sexenio democrático (1868-1874).

Baseándote nos documentos que se presentan, debes realizar unha composición que teña por tema central a
evolución política durante o Sexenio democrático (1868-1874). Debes comezar por comentar as circunstancias que
conduciron á expulsión do trono de Isabel II e as aspiracións dos revolucionarios triunfantes (Doc.1). A Constitución
de 1869 supón a instauración dun novo réxime político, que debes caracterizar nos seus trazos esenciais (Doc.2). As
razóns do fracaso da fórmula monárquica (Doc.3), a implantación do réxime republicano que a sucede e do proxecto
federal (Doc.4) que se intenta instaurar deben integrarse tamén na túa redacción. Para concluír, podes aludir ao
fracaso final da República e á súa substitución por un novo réxime.

Doc.1.-O 27 de setembro de 1868, a Xunta de Goberno de Málaga súmase con esta proclama á revolución
coñecida como Gloriosa:
“Aspiramos á liberdade de conciencia (...). Imos, pois, establecer a liberdade de cultos.
Aspiramos á liberdade de sufraxio (...), proclamamos o sufraxio universal.
Aspiramos á liberdade da razón, e queremos o ensino libre, e que o pensamento escrito circule sen traba.
Aspiramos, en fin, á liberdade económica e de asociación (...).
Queremos Cortes Constituíntes, expresión fiel da soberanía da Nación, para que promulguen unha
Constitución (...).
Cidadáns: ¡Viva a liberdade! ¡Viva a soberanía nacional! ¡Abaixo os Borbóns!”.

Doc.2.-Constitución de 1869:
“A Nación Española, e no seu nome as Cortes Constituíntes, elixidas por sufraxio universal, desexando
afianzar a xustiza, a liberdade e a seguridade, e prover ao ben de cantos vivan en España, decretan e sancionan
a seguinte Constitución (...):
Art. 17. Tampouco pode ser privado ningún español: do dereito de emitir libremente as súas ideas e
opinións, xa de palabra, xa por escrito (...). Do dereito de reunirse pacificamente. Do dereito de asociarse
para todos os fins da vida humana que non sexan contrarios á moral pública (...).
Art. 32. A soberanía reside esencialmente na nación, da cal emanan todos os poderes.
Art. 33. A forma de goberno da Nación Española é a Monarquía.
Art. 34. A potestade de facer as leis reside nas Cortes. O Rei sanciona e promulga as leis.
Art. 35. O poder executivo reside no Rei, que o exerce por medio dos ministros.
Art. 36. Os tribunais exercen o poder xudicial”.

Doc.3.-Abdicación de Amadeo I (11 de febreiro de 1873):
“Dous anos longos hai que cingo a coroa de España, e a España vive en constante loita, vendo cada día
máis distante a era de paz que tanto desexo (...). Todos invocan o doce nome da patria, todos pelexan e
axítanse polo seu ben; e entre o fragor do combate, entre o confuso, atronador e contraditorio clamor dos
partidos, entre tantas e tan opostas manifestacións da opinión pública, é imposible afirmar cal é a verdadeira,
e máis imposible aínda atopar o remedio para tamaños males. Busqueino dentro da lei ansiosamente e non
o atopei. Fóra da lei non ha buscalo quen prometeu observala (...).
Estas son, señores deputados, as razóns que me moven a devolver á nación, e no seu nome a vosoutros,
a Coroa que me ofreceu o voto nacional (...)”.

Doc.4.-Proxecto de Constitución federal de 1873:
“Art. 1. Compoñen a Nación Española os Estados de Andalucía Alta, Andalucía Baixa, Aragón, Asturias,
Baleares, Canarias (...).
Art. 39. A forma de goberno da Nación Española é a República federal (...).
Art. 42. A soberanía reside en todos os cidadáns, e exércese en representación súa polos organismos
políticos da República constituída por medio do sufraxio universal.
Art. 43. Estes organismos son: o Municipio, o Estado rexional, o Estado federal ou Nación (...).
Art.45. O poder da Federación divídese en poder lexislativo, poder executivo, poder xudicial e poder de
relación entre estes poderes”.

Situación que se viviu en España logo da
Guerra Civil.


A partir dos seguintes documentos debes elaborar un comentario sobre a situación que se viviu en España logo da
guerra civil. No ámbito da política interior, o elemento esencial foi a instauración dun réxime político autoritario,
comezada xa durante a contenda bélica, marcando as diferenzas coas democracias parlamentarias (Doc.1), e que
atoparía a súa concreción en diferentes textos legais. A economía dos longos anos de posguerra estivo marcada
pola política autárquica (Doc.2), con obxectivos nunca acadados. E polo que respecta ás relacións internacionais,
o réxime franquista pasou dunha franca amizade cos países do Eixo (Doc.3) a sufrir o illamento internacional ao
remate da Segunda Guerra Mundial (Doc.4). Lembra que a redacción que elabores debe ter en conta as fontes documentais
subministradas, pois non se trata de elaborar un tema á marxe delas.

Doc.1.-Discurso de Francisco Franco (18 de xullo de 1938), en conmemoración do Alzamiento Nacional:
Correspóndenos a paladinaxe dunha fe, unha civilización e unha cultura gravemente ameazadas polos
principios roxo-comunistas (...).
Á irresponsabilidade política dos partidos liberais, sucede a unidade da nosa Cruzada, organicamente
constituída; a un Estado neutro e sen ideais, substitúeo o misional e totalitario, que orienta o pobo sinalándolle
o camiño (...).
Hai que soldar ao pobo, dividido polos partidos; hai que unir medio século de separacións; hai que borrar
os prexuízos da loita de clases (...); hai que elevar os principios do Movimiento”.

Doc.2.-“Fundamentos e directrices dun Plano de saneamento da nosa economía, harmónico coa nosa
reconstrución nacional” (1939), por Francisco Franco:
“O problema máis grande que se presenta á economía española é o desnivel desfavorable da nosa balanza
de pagos co estranxeiro (...). Suprimilo ten que constituír a directriz principal da nosa política económica,
xa que, doutra maneira, se produciría o fenómeno de que a riqueza nacional continuase a esgotarse nesta
sangría de centos de millóns que anualmente vai vigorizar a economía dos países exportadores (...)
Imponse á nosa política comercial no exterior:
1º. Suprimir importacións que non sexan indispensables.
2º. Reducir aquelas que poidan ter un substitutivo ou permitan esta redución.
3º. Implantación de novas industrias e regos que nos faciliten os produtos que hoxe importamos.
4º. Intensificar as nosas exportacións, mesmo primándoas”.

Doc.3.-Entrevista de Franco e Hitler en
Hendaia (1940):

Doc.4.-En decembro de 1946, a Asemblea Xeral da
ONU condena o réxime de Franco:
“A) Pola súa orixe, natureza, estrutura e
comportamento xeral, o réxime de Franco é un
réxime fascista, organizado e implantado en grande
parte mercede á axuda da Alemaña nazi e da Italia
fascista de Mussolini.
B) Durante a longa loita das Nacións Unidas contra
Hitler e Mussolini, Franco prestou unha axuda moi
considerable ás potencias inimigas, malia as continuas
protestas dos aliados (...).
A Asemblea Xeral, convencida de que o Goberno
fascista de Franco en España (...) non representa
ao pobo español (...), recomenda que se prohiba
ao Goberno de Franco pertencer aos organismos
internacionais creados polas Nacións Unidas ou
relacionados con elas (...).
Así mesmo, a Asemblea recomenda que todos
os Estados membros das Nacións Unidas retiren
inmediatamente os embaixadores e ministros
plenipotenciarios que teñen acreditados en Madrid”.

Asuntos máis conflitivos que motivan a insurrección de 1936

A rebelión militar do 18 de xullo de 1936 foi o punto culminante dunha confrontación que xa se viña
producindo desde a mesma proclamación da República en 1931. Mentres no Doc.1 o xeneral Franco expón as
razóns dos sublevados, no Doc.2 o presidente das Cortes defende a lexitimidade da República. O teu comentario
debe centrarse nos asuntos máis conflitivos que motivan a insurrección e que foran unha constante nos cinco anos
anteriores, prestando atención aos intereses defendidos por cada parte e ás forzas sociais e políticas que apoian a
cada bando.

Doc.1.-Alocución radiada do xeneral Franco (18 de xullo de 1936), na que xustifica a rebelión contra
e República:
“A situación de España é cada día máis crítica; a anarquía reina na maioría dos seus campos e vilas;
autoridades de sona gobernativa presiden, cando non fomentan, as revoltas; a tiro de pistola e metralladoras
dirímense as diferenzas entre os cidadáns (...), sen que os poderes públicos impoñan a paz e a xustiza.
Folgas revolucionarias de toda clase paralizan a vida da Nación (...). Os monumentos e tesouros artísticos
son obxecto do máis asañado ataque das hordas revolucionarias, obedecendo a consigna que reciben das
directivas estranxeiras, coa complicidade e neglixencia dos gobernadores (...).
Ao espírito revolucionario e inconsciente das masas, enganadas e explotadas polos axentes soviéticos
(...), únese a neglixencia de autoridades de todas clases (...).
A Constitución, por todos suspendida e vulnerada, sofre unha eclipse total: nin igualdade ante a lei,
nin liberdade (...), nin unidade da patria, ameazada pola esgazadura territorial (...). ¿É que podemos abandonar
a España aos inimigos da patria, con proceder covarde e traidor, entregándoa sen loita e sen resistencia? ¡Iso
non! Que o fagan os traidores, pero non quen xuramos defendela”.

Doc.2.-O día 2 de agosto de 1936, o presidente das Cortes republicanas, Diego Martínez Barrio, enxuíza
así a insurrección militar:
“Os xenerais e oficiais que se lanzaron en armas fixérono contra o Estado español, representado por
un Presidente da República, nomeado legalmente, e coa asistencia e aínda co voto de deputados de todos
os partidos; por unha Cámara lexítima elixida sen tacha, durante o mando dun goberno adversario, duns
partidos que resultaron triunfantes nas eleccións, e por un poder executivo constitucionalmente designado
(...).
Certo é que o Estado e os seus poderes lexítimos atópanse asistidos co máis desinteresado dos
concursos das clases obreiras, representadas polos seus sindicatos e partidos. Así, o Socialista como o
Comunista, así a CNT como a UGT, así a Federación de Grupos Libertarios como o Partido Sindicalista
(...). Pero detrás do Estado atópanse tamén en liña de combate os partidos republicanos que contribuíron á
instauración do réxime en abril de 1931 (...), as clases comerciais, industriais e agrícolas do país (...), o pobo
español (...).
Toda rebelión descansa sobre un suposto de falsidade: o de aparentar crer que a gobernación do país
está secuestrada por poderes ilexítimos e que o triunfo do Estado se traduciría na implantación dun réxime
político comunista (...).
¿Por que o fixeron? ¿Por que o fixeron? Simplemente se trata de substituír a vontade xeral do pobo
enteiro pola dunha clase social desexosa de perpetuar os seus privilexios. Nin amor a España, nin desacougo
polo corpo da Patria, nin temores polo seu desmembramento, nin desasosego polo desenvolvemento da súa
economía (...)”.

Movemento obreiro

Os seguintes textos deben permitirche facer unha redacción sobre o movemento obreiro en España desde as
súas orixes ata a crise da Restauración. Estruturando libremente a túa composición á luz dos documentos, e tendo en
conta a súa contextualización, debes atender cando menos aos seguintes aspectos: razóns e reivindicacións obreiras,
formas de organización e loita, e caracterización ideolóxica das principais organizacións obreiras.

Doc.1.-A destrución das máquinas. O exemplo da Fábrica de Tabacos da Coruña recollido en El País. Diario
de Pontevedra (13 de decembro de 1857):
“O luns 7 do actual houbo un pronunciamento de mulleres na fábrica da Palloza desta cidade (A Coruña).
Parece que no canto dos cigarros que antes se facían nesta fábrica, están agora ensaiando a construción doutros de
diferente feitura e (…) crearon un taller de pitos cunha máquina para picar o tabaco. Como ambas as operacións son
novas, non se prestan nin acomodan a elas as cigarreiras, porque non saben facelos, tardando tanto en elaboralos que
apenas sacan a terceira parte do xornal que adoitaban (…). Alporizáronse aquelas catro mil mulleres, arremetendo
contra os xefes e empregados do establecemento, destruíndo todo o tabaco (…), racharon e fixeron anacos as
máquinas novas (…), tirándoas ao mar, o mesmo que os mobles, papeis, libros de caixa e efectos que atoparon nos
cuartos do director”.

Doc.2.-En setembro de 1855, El Eco de la Clase Obrera publicaba a seguinte petición ás Cortes:
“Señores Deputados das Cortes Constituíntes:
Hai anos que a nosa clase vai camiñando cara á súa ruína. Os salarios minguan. O prezo dos comestibles e
dos cuartos é máis alto. As crises industriais sucédense. Temos que (...) mandar ao taller as nosas donas con prexuízo
da educación dos nosos fillos, sacrificar a estes mesmos fillos a un traballo prematuro.
É xa gravísimo o mal, urxe o remedio, e agardámolo de vosoutros. Non pretendemos que ataquedes a
liberdade do individuo, porque é sagrada e inviolable; nin que matedes a concorrencia, porque é a vida das artes;
nin que carguedes sobre o Estado a obriga de socorrernos, porque coñecemos os apuros do Tesouro. Pedímosvos
unicamente o libre exercicio dun dereito: do dereito de ASOCIARNOS.
Hoxe concédesenos só para favorecernos nos casos de enfermidade ou de falta de traballo; concédasenos
en adiante para opoñernos ás desmedidas esixencias dos donos dos talleres, establecer de acordo con eles tarifas de
salarios, procurarnos os artigos de primeira necesidade a baixo prezo, organizar o ensino profesional e fomentar o
desenvolvemento da nosa intelixencia, atender a todos os nosos intereses”.

Doc.3.-Neste artigo publicado en setembro de 1872 en La Defensa de la Sociedad, advírtese do perigo que
para a orde establecida supón a Asociación Internacional de Traballadores (AIT):
“Proba en verdade que atinxe a reis e pobos, a sacerdotes e profanos, ao cidadán humilde e ao elevado
magnate, á relixión, á moral, á propiedade, ao traballo; á autoridade, á liberdade, á paz pública; á patria, á familia,
á seguridade persoal; á orde, ao goberno, á economía política; e en fin, a todas as entrañas da vida da humanidade.
¡Tremendo retroceso habería sufrir esta se en tal proba saísen vencidos os principios tutelares da súa existencia e
desenvolvemento!
E vencidos sairían se os ánimos rectos, se os homes dos que os seus intereses morais e materiais están ameazados,
se as clases lexítimas cegamente combatidas, non abrisen a tempo os ollos para ver e evitar o abismo ao que empurra
á sociedade enteira esa tempestade de erros (...), políglota e cosmopolita, que se titula a Asociación Internacional”.

Doc.4.-En marzo de 1917, este Manifesto conxunto da UGT e a CNT propón a folga xeral, que sería
definitivamente convocada en agosto:
“O proletariado organizado chegou así ao convencemento da necesidade da unificación das súas forzas
nunha loita común contra os amparadores da explotación erixida en sistema de goberno. E respondendo a este
convencemento, os representantes da Unión General de Trabajadores e os da Confederación Nacional del Trabajo
acordaron por unanimidade: Primeiro: (...) co fin de obrigar ás clases dominantes a aqueles cambios fundamentais
de sistema que garantan ao pobo o mínimo das condicións decorosas de vida e de desenvolvemento das súas
actividades emancipadoras, imponse que o proletariado empregue a folga xeral, sen prazo definido de terminación,
como a arma máis poderosa que posúe para reivindicar os seus dereitos”.

Guerra Civil

Os documentos seguintes, aos que debes referirte na túa exposición, tratan sobre a Guerra Civil. Iniciada coa
sublevación de xullo de 1936, o conflito será presentado en termos ideolóxicos como unha loita antifascista (Doc. 1)
ou anticomunista (Docs. 2 e 7), segundo o bando de que se trate. A impotencia do Comité de Non Intervención fixo
que a participación estranxeira (Doc. 2) fose esencial no desenvolvemento do conflito. A evolución política das dúas
zonas foi distinta: mentres as disensións e a división foron permanentes entre as forzas republicanas (Docs. 3, 4 e
5), na España “nacional” instaurouse un réxime de partido único (Doc. 6), concentrándose os poderes na persoa de
Franco, a quen a vitoria na guerra (Doc. 7) lle permitirá perpetuarse no poder.

Doc. 1.-Dolores Ibarruri, Pasionaria, chama á resistencia no seu discurso do 19 de xullo de 1936:
“Traballadores, antifascistas, pobo laborioso: todos en pé para defender a República, as liberdades
populares e as conquistas democráticas do pobo (...). Todo o país vibra de emoción ante eses desalmados
que queren polo fogo e o terror sumir á España democrática e popular nun inferno (...). Pero non pasarán;
España enteira está en pé de loita (...). ¡Viva a Fronte Popular! ¡Viva a unión de todos os antifascistas! ¡Viva
a República do pobo!”.

Doc. 2.-Galeazzo Ciano, ministro italiano de Asuntos Exteriores, informa así da situación en España:
“En España xa se formaron dúas frontes. Cunha están alemáns e italianos; con outra franceses,
belgas e rusos. O Duce está de acordo con Hitler en opinar que a determinación das dúas frontes é xa un
feito consumado. Italia apoiou e segue a apoiar aos españois sen condicións (...). A nosa acción en España
é unha proba efectiva da nosa participación na loita antibolxevique”.

Doc. 3.-Boletín informativo da CNT-FAI, xaneiro de 1937:
“Que quede ben entendido que non estamos a loitar pola República democrática. Estamos a loitar
polo triunfo da revolución proletaria. A revolución e a guerra son inseparables. Todo o que se diga en sentido
contrario é contrarrevolución reformista”.

Doc. 4.-Postura defendida en Mundo Obrero, órgano de expresión do PCE, marzo de 1937:
“¿De que nos acusan os camaradas da CNT? Segundo eles, afastámonos do camiño do marxismo
revolucionario. ¿Por que? Porque defendemos a República democrática (...). Unha República democrática
e parlamentaria dun contido social como non existiu endexamais”.

Doc. 5.-Discurso de Largo Caballero, presidente do Goberno e secretario xeral da UGT:
“Primeiro debemos gañar a guerra e despois xa poderemos falar de revolución”.

Doc. 6.-O 20 de abril de 1937, Francisco Franco, Xefe do Estado e Xeneralísimo das forzas nacionais,
asina o Decreto de Unificación:
“Art. 1. Falange Española e Requetés, cos seus actuais servizos e elementos, intégranse, baixo a
Miña Xefatura, nunha soa entidade política de carácter nacional que, de momento, se denominará Falange
Tradicionalista y de las JONS.
Esta organización, intermedia entre a Sociedade e o Estado, ten a misión principal de comunicar
ao Estado o alento do pobo e de levar a este o pensamento daquel a través das virtudes político-morais, de
servizo, xerarquía e irmandade (...).
Quedan disoltas as demais organizacións e partidos políticos”.

Doc. 7.-Último parte de guerra:
“No día de hoxe, cativo e desarmado o exército roxo, acadaron as tropas nacionais os seus últimos
obxectivos militares. A guerra rematou.
Francisco Franco. Burgos, 1-IV-1939. Ano da Vitoria”.

Sistemas políticos do S.XIX

Nos textos propostos deféndense tres sistemas políticos diferentes: absolutismo (Doc.1), liberalismo (Doc.2) e
democracia (Doc.3). Debes contextualizar cada documento nun período concreto da historia de España e caracterizar
cada un dos réximes nos seus aspectos esenciais, salientando as diferenzas en asuntos como a soberanía, a estrutura
do poder ou os mecanismos de participación e representación.

Doc.1.-En 1814, á volta de Fernando VII a España, os partidarios do absolutismo asinan o coñecido
como “Manifesto dos persas”:
“A monarquía absoluta é unha obra da razón e da intelixencia: está subordinada á lei divina, á xustiza
e ás regras fundamentais do Estado; foi establecida por dereito de conquista ou pola submisión voluntaria
dos primeiros homes que escolleron aos seus reis. Así que o soberano absoluto non ten facultade de usar sen
razón a súa autoridade (dereito que non quixo ter o mesmo Deus); por iso foi preciso que o poder soberano
fose absoluto, para prescribir aos súbditos todo o que mira ao interese común, e obrigar á obediencia aos
que se negan a ela (...).
Non podendo deixar de pechar este respectuoso Manifesto en canto permita a nosa representación
e os nosos votos particulares coa protesta de que se estime sempre sen valor esa Constitución de Cádiz, e
por non aprobada pola V. M. nin polas provincias (...) porque estimamos as leis fundamentais que contén
de incalculables e transcendentes prexuízos”.

Doc.2.-En 1845, Joaquín Francisco Pacheco, líder do Partido Moderado, defende o sufraxio restrinxido:
“Distinguimos hoxe, señores, os dereitos políticos dos dereitos civís; e se estes os concedemos a
todos os cidadáns, non así os primeiros, que non podemos outorgar senón aos que os han exercer ben (...).
O dereito electoral non será un dereito de todos, e as ínfimas clases de calquera país deberán estar
privadas del pola razón sinxela de que non poderán exercelo convenientemente (...).
Tomouse por regra xeral como base para a concesión deste dereito o goce de certa renda ou o
pagamento de determinada contribución. Este principio, señores, é racional e aceptable. A riqueza, ou por
mellor dicir o benestar, a vida desafogada e fácil, en que o traballo material non é unha carga dura, non é a
penosa ocupación de todos os momentos, e deixa espazo para as concepcións do espírito; ese benestar mediano
(...), ese é o que debe tomarse como condición de capacidade política, porque é o que dá a intelixencia e a
valía na orde social (...).
Quen gaña afanosamente o seu sustento nun traballo ímprobo e coa suor do seu rostro, quen non pode
gozar algunha vez o digno descanso (...), quen está reducido a un escaso xornal (...), non pode pretender a
consideración nin a estima política”.

Doc.3.-O 19 de setembro de 1868, a Xunta Superior Revolucionaria dá a coñecer a seguinte proclama:
“A Xunta Superior Revolucionaria, fiel á súa elevada orixe, fai a seguinte declaración de dereitos:
Sufraxio universal. Liberdade de cultos. Liberdade de ensinanza. Liberdade de reunión e asociación pacíficas.
Liberdade de imprenta (…). Descentralización administrativa que devolva a autoridade aos concellos e ás
provincias. Xuízo de xurados en materia criminal (…). Inmobilidade xudicial”.